O grupo de investigación HealthyFit (HI22) do Instituto de Investigación en Ciencias do Deporte (CIDEGA) da Universidade de Vigo, con financiamento do Concello de Sanxenxo e da Xunta de Galicia, porá en marcha en Sanxenxo un proxecto pioneiro, o primeiro deste tipo en España, para comprender mellor as realidades ás que se enfrontan as persoas maiores do municipio. A iniciativa, financiada pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e o Concello de Sanxenxo, permitirá realizar unha avaliación detallada da poboación maior de 65 anos das sete parroquias, analizando aspectos relacionados coa súa saúde física, as súas capacidades cognitivas e as súas relacións sociais. O proxecto tamén incluirá o desenvolvemento dunha plataforma web para facilitar o seguimento individualizado dos participantes.
A presentación oficial desta investigación tivo lugar este venres no Concello de Sanxenxo coa participación do alcalde, Telmo Martín; a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García; e o profesor José María Cancela da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, director científico do estudo e investigador principal de HealthyFit.
Segundo Cancela, o obxectivo principal desta iniciativa é contribuír a mellorar o benestar e a calidade de vida das persoas maiores do municipio. O alcalde sinalou que máis dun cuarto da poboación de Sanxenxo ten máis de 65 anos, unha realidade que fai esencial coñecer con precisión as súas necesidades para poder adaptar os servizos e recursos municipais.
A concelleira destacou que o proxecto proporcionará información valiosa sobre as demandas e expectativas deste colectivo, tendo en conta que cada parroquia ten as súas propias características e necesidades. Tamén subliñou o compromiso de Sanxenxo cun modelo de envellecemento activo, saudable e participativo, salientando que esta iniciativa será unha ferramenta clave para planificar futuras accións públicas dirixidas ás persoas maiores.
Preto de 400 participantes
O estudo, titulado “Caracterización do perfil das persoas maiores residentes en Sanxenxo“, analizará variables relacionadas coa condición física, o funcionamento cognitivo e emocional, así como factores vinculados á integración social e á participación comunitaria.
Antes da súa posta en marcha, realizouse unha fase piloto para validar os instrumentos de avaliación que agora se empregarán nunha mostra representativa de aproximadamente 400 persoas maiores das parroquias de Noalla, Vilalonga, Adina, Nantes, Padriñán, Bordóns e Dorrón. A selección farase en función de criterios de idade e xénero para garantir a representatividade dos resultados.
A investigación permitirá coñecer en detalle o perfil das persoas maiores en cada unha das parroquias e identificar posibles necesidades específicas ou situacións de vulnerabilidade, como o illamento social ou a soidade non desexada. Esta información servirá para avaliar se os programas actualmente en funcionamento responden adecuadamente ás necesidades reais da poboación maior e para deseñar futuras iniciativas de mellora.
Como complemento ao traballo de campo, desenvolverase unha aplicación web que permitirá aos participantes acceder aos seus resultados persoais e comparalos cos doutras persoas con características similares, facilitando así un seguimento máis completo do seu progreso.
Máis información: DUVI