(aprobada na sesión constitutiva do 10/11/2025)
PREÁMBULO
O Instituto de investigación en Ciencias de Deporte (CIDEGA) foi aprobado recentemente pola Universidade de Vigo (UVigo). O CIDEGA, con sede física na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do Campus de Pontevedra, é un Instituto propio de carácter multidisciplinar cunha finalidade de investigación, innovación científica e transferencia de coñecemento no eido da saúde, a promoción da calidade de vida, a prevención de riscos, o desenvolvemento socio-educativo e a optimización do rendemento nos ámbitos da educación, o deporte, a actividade física e a saúde. As liñas de investigación do CIDEGA son as seguintes:
- Análise do efecto da carga de adestramento e competición no sistema neuromuscular en deportistas ben adestrados ou de elite.
- Exercicio físico para adultos maiores.
- O rendemento deportivo a través da metodoloxía observacional.
- Avaliación da competencia motriz.
- Exercicio físico en poboación con discapacidade.
- Epidemioloxía da actividade física e saúde pública.
- Emerxencias na actividade física e o deporte, salvamento e socorrismo.
- Adestramento deportivo en deportes colectivos.
- Praxes docente Educación Física e deporte.
- Análise do rendemento en deportes colectivos.
- Economía do deporte: xestión e finanzas .
A política de incorporación ao CIDEGA baséase nun sistema de adscrición individual co obxectivo de abrir as portas a aquelas/es investigadoras/es da UVigo, de calquera ámbito científico, que desenvolvan liñas de traballo compatibles coa axenda científica do Instituto e que desexen integrarse nel.
PERSOAS CANDIDATAS ELIXIBLES E PROCESO DE ADSCRICIÓN
O proceso de vinculación de persoal investigador da UVigo no CIDEGA está descrito no artigo 11 do Regulamento de réxime interno: Artigo 11. Proceso de vinculación y desvinculación do persoal investigador:
- A vinculación a CIDEGA implica:
a. A aceptación dos procedementos, regulamento e normas de funcionamento do CIDEGA.
b. Asumir a estratexia xeral de investigación por temática, capacidade técnica e vontade de fomentar a investigación, transferencia, divulgación e formación.
c. Colaborar, participar e apoiar as actividades e liñas prioritarias establecidas pola Xunta Directiva e a Comisión Científica.
d. Desenvolver a súa actividade aliñada á axenda científica, sen prexuízo da súa actividade noutros ámbitos.
2. A incorporación ao CIDEGA de persoal investigador realizarase en función de criterios de mérito investigador e idoneidade para as prioridades e liñas de investigación do CIDEGA.
3. En xeral, os investigadores do CIDEGA non poderán estar vinculados a ningún outro Instituto ou Centro de Investigación, tendo en conta que a súa actividade investigadora e produción científica, para os efectos de adscrición e valoración de indicadores, tamén estará vinculada ao CIDEGA. Esta circunstancia non debe supoñer un impedimento para que a actividade do investigador vinculado poida ser utilizada ademais pola organización académica (Departamento ou Centro) á que pertenza para os efectos das correspondentes obrigas docentes e investigadoras.
4. Con carácter excepcional, poderá contemplarse o recoñecemento de investigadores a tempo parcial vinculados ao CIDEGA cando a súa contribución sexa determinante para a incorporación de capacidades disciplinarias de interese para o desenvolvemento do CIDEGA e a súa Axenda Científica. Neste caso, o investigador poderá combinar a pertenza a dous institutos, repartindo os méritos entre ambos e non poderá exercer a dirección científica de ningún deles.
5 Para ser persoal investigador vinculado deberá solicitar ao Director/a do CIDEGA a súa vinculación formal, na que se destacará a adecuación da súa actividade en relación con algunha das prioridades e liñas de investigación do CIDEGA.
6 O/a directora/a do instituto avaliará a solicitude segundo os obxectivos do CIDEGA, emitindo informe non vinculante á Comisión Científica, que será o órgano competente para a súa aprobación.
7 Os/as investigadores/as deberán indicar o seu compromiso de vinculación co instituto durante, polo menos, 3 anos. Nos casos excepcionais de investigadores cuxa contribución sexa determinante para o desenvolvemento da axenda científica e estean vinculados ao Instituto con dedicación parcial, este compromiso vinculante reducirase nun 50%.
PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES
As datas para a presentación de solicitudes serán entre 15 e o 30 de xuño de 2026. As persoas solicitantes deberán cumprimentar o formulario en liña de expresión de interese, no que se lle pedirá que cargue o seu curriculum vitae (en galego, español ou inglés), en calquera formato, preferentemente CVA (abreviado de 4 páxinas).
PROCESO DE AVALIACIÓN DAS SOLICITUDES
As solicitudes serán avaliadas pola Comisión científica, tralo informe previo do Director/a do CIDEGA atendendo a criterios de méritos de investigación e idoneidade, e respectando os principios de igualdade de oportunidades. As solicitudes aprobadas serán remitidas á Xunta directiva para a súa ratificación e serán comunicadas á Vicerreitoría de investigación da UVigo.
ANEXO. FORMULARIO DE EXPRESIÓN DE INTERESE
Deberá completarse en liña, a través do formulario: https://forms.office.com/e/giGE3rmjmS?origin=lprLink