O Instituto de Investigación en Ciencias do Deporte (Cidega) iniciou oficialmente a súa actividade no campus de Pontevedra coa intención de converterse nunha plataforma de referencia na promoción e desenvolvemento do coñecemento científico no ámbito do exercicio físico, a saúde, o rendemento e a educación física. O instituto, con sede na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, é o primeiro deste tipo en Galicia e o quinto de España.
Na súa presentación institucional, o director do Cidega, Carlos Lago, destacou que se trata dun “proxecto de país”, unha idea compartida tamén polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e polo decano da facultade, Óscar García. O instituto comeza a súa actividade con doce investigadores promotores e prevé iniciar nos próximos días o seu primeiro proceso de incorporación de persoal investigador, co obxectivo de acadar arredor dun cento de investigadores nun prazo de dous ou tres anos.
As liñas de investigación do Cidega abranguen ámbitos como o impacto da carga de adestramento en deportistas de elite, o exercicio físico en persoas maiores e poboacións especiais, o rendemento deportivo, a avaliación da competencia motriz, a epidemioloxía da actividade física e a saúde pública, o adestramento en deportes colectivos ou a economía do deporte.
O instituto conta cunha xunta directiva, un consello asesor externo e un comité científico. Entre os seus obxectivos estratéxicos destacan a creación dunha cultura de investigación de excelencia, o incremento do financiamento externo e a atracción de talento investigador. Un dos eixes principais será tamén a transferencia de coñecemento ao sector deportivo e sanitario, prestando apoio científico a administracións, clubs, profesorado de educación física e centros de saúde.
Durante a presentación, o reitor destacou o papel dos institutos de investigación como ferramentas para reforzar a colaboración e a visibilidade científica da universidade, subliñando que o Cidega é o primeiro instituto de investigación do campus de Pontevedra. Tamén salientou a importancia de establecer sinerxías con outras institucións e co sector deportivo, mencionando posibles colaboracións co proxecto Celta 360 e a futura creación dunha cátedra sobre deporte en colaboración coa Deputación de Pontevedra.
A xornada de presentación completouse cunha conferencia sobre intelixencia artificial do catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Senén Barro e cun coloquio con membros do corpo técnico do primeiro equipo do RC Celta, todos eles formados na facultade.
Foto: Pontevedraviva